Actualidad Betanzos y ComarcaBetanzos
Tendencia

Os segredos do Gran Telescopio de Canarias chegan ao Vales Villamarín da man de Moncho Presedo

Moncho Presedo comparte co alumnado de Primaria do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos os segredos da construción do Gran Telescopio de Canarias, o Grantecan. Este betanceiro, agora xubilado, foi xefe de obra e xefe de montaxe do que no seu día foi o telescopio máis grande do mundo.
Xa leva impartidas dez charlas a escolares de 3º e 4º de Primaria. No mes de maio tocaralle a quenda aos de 5º e 6º. En total 500 alumnos e alumnas do colexio compartirán con Moncho Presedo as súas anécdotas e historias. Non só do Grantecan, senón das súas diferentes experiencias laborais: como xefe de máquinas en varios superpetroleiros e como traballador na Central Nuclear de Trillo, entre outras.
“Está a ser para min unha vivencia extraordinaria. A resposta dos nenos e nenas, a súa curiosidade, as súas preguntas tan sorprendentes, as súas reaccións e a súa gratitude téñenme encantado”, conta Moncho. O primeiro día un dos alumnos ao remate da conferencia pediulle un autógrafo. Cando levantou a mirada xa tiña unha longa ringleira de pequenos agardando pola súa sinatura. Agora, despois de cada charla hai quenda de autógrafos.
Precisamente a curiosidade dos nenos e nenas fai que cada unha das ponencias sexa diferente porque se de algo pode presumir Moncho Presedo é de “facer as cousas ben e implicarse moitísimo en cada proxecto que emprende”, tal e como comentou o director do Vales, Alejandro Sánchez.
Logo de que un dos pequenos lle preguntase por como se formaban os buratos negros e mesmo lle dese unha breve explicación, Moncho informouse polo miudo e incorporou no seu vídeo de presentación detalles sobre a formación destes fenómenos que están tan de actualidade.
A duración das sesións inicialmente era de 50 minutos mais case todas se achegan ás dúas horas. Porque, como di Moncho, “acribíllanme a preguntas de todo tipo, teñen tanta curiosidade e queren que lles conte tantas cousas… O primeiro día querían saber quen era eu e por que estaba alí, así que tiven que facer unha introdución do vídeo para presentarme. Sorpréndelles o tipo de traballos que desempeñei e preguntan por todo”, conta Moncho.
Tras unha exitosa primeira charla no colexio de Carrio, en Bergondo, onde estuda unha das súas afilladas cunha profesora amante da astronomía, trasladou a proposta ao centro brigantino. Presentou un proxecto tan ben elaborado que a dirección do colexio non o dubidou: “Moncho coida ata o máis mínimo detalle, cunha linguaxe adaptada a cada idade e cun gran sentido pedagóxico, as charlas son moi amenas e logra captar dende o principio a atención do alumnado, e iso que as sesións son despois do recreo… Ademais, a proposta adaptábase perfectamente ao proxecto central do colexio destes últimos anos”, explicou o director do centro, Alejandro Sánchez. Nos anos anteriores o colexio tiña como eixo do seu proxecto educativo Betanzos e o mundo e o pasado de Betanzos. Este ano céntranse no futuro, en como será Betanzos, a evolución da tecnoloxía, o futuro dos distintos planetas… algo no que os escolares levan traballando durante o curso.
De feito, nos corredores poden verse as mostras de traballos do alumnado nos que os planetas e as estrelas son grandes protagonistas.

Etiquetas
Mostrar más

www.motivvia.com

motivVía, Desarrollo Web y Publicidad www.motivvia.com

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Por favor, considere ayudarnos desactivando su bloqueador de anuncios
Ir a la barra de herramientas