Actualidad Betanzos y ComarcaBetanzosComarca
Tendencia

Betanzos e a comarca celebran o Día do Libro

Betanzos e os municipios da comarca súmanse aos actos de celebración do Día do Libro que se conmemora o 23 de abril. Ademais das actividades promovidas por cada Concello, a Deputación organiza o programa “Libros para sermos libres” ao que se sumaron este ano os municipios de Aranga, Bergondo, Oza-Cesuras, Paderne e Vilarmaior, entre outros.

En Betanzos comeza hoxe a campaña de dinamización lingüística “Poesía no comercio”. Trátase dunha iniciativa para difundir poesías en galego creadas polo alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín. Os poemas repartiranse polos comercios colaboradores que os entregarán aos seus clientes. A actividade está organizada polo Concello de Betanzos e polo Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP Vales Villamarín.

O día 23 desenvolveranse tres sesións de contacontos para o alumnado de Primaria do Vales Villamarín e de Atocha. Será por conta da narradora Raquel Queizás que levará o seu espectáculo “Raposadas con Antonio”, sobre Antón Fraguas, aos escolares betanceiros. A actividade está organizada polo Concello.

O mércores 24 o Concello organiza un obradoiro de poesía e escrita creativa no IES As Mariñas. A actividade desenvolverase por conta da poeta galega Dores Tembrás, do colectivo Apiario. Esta iniciativa xa se levou a cabo tamén no IES Francisco Aguiar antes das vacacións de Semana Santa.

Na Biblioteca Municipal A. Castelao poderá visitarse ata o vindeiro día 30 a mostra “O libro: a súa historia e o seu futuro”. O horario será de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas. Os sábados o horario de visitas é de 10.30 a 13.00 horas.

Libros para sermos libres

A Deputación da Coruña súmase aos actos de celebración do Día do Libro co programa “Libros para sermos libres”. Con esta iniciativa a área de Cultura distribúe en toda a provincia libros que formaban parte do seu fondo editorial e que estaban xa fóra de circulación. Son libros de poesía, teatro, narrativa, ensaio e investigación e inclúe tamén algúns dos títulos premiados nas distintas convocatorias de premios da Deputación.

Nesta terceira edición do programa súmanse un total de 29 municipios dos cales cinco pertencen á comarca de Betanzos. Trátase de Aranga, Bergondo, Oza-Cesuras, Paderne e Vilarmaior.

Os concellos repartirán de balde os libros que a Deputación lles entregou. No caso de Aranga, será ás 13.30 horas no CEIP A Castellana. Bergondo centra esta iniciativa na Biblioteca Pública do 22 ao 27 de abril. Oza-Cesuras repartirá os libros de 10.00 a 14.00 horas na entrada do Concello. Vilarmaior no CEIP de Torres e no Local Social e Deportivo ás 12.00 horas.

Etiquetas
Mostrar más

www.motivvia.com

motivVía, Desarrollo Web y Publicidad www.motivvia.com

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Por favor, considere ayudarnos desactivando su bloqueador de anuncios
Ir a la barra de herramientas